O Concello da Laracha presenta o programa da sexta edición do ciclo de teatro de Paiosaco. A “Primavera Teatral”, que se desenvolverá ao longo do mes de abril no auditorio do centro sociocultural da citada localidade e constará de tres espectáculos de alta calidade.O Concello da Laracha volve apostar por achegar o teatro á veciñanza en xeral, con propostas especialmente dirixidas ao público adolescente e adulto na que o humor será o principal protagonista.

 

A primeira función será Currículum vitae, que traerá a Paiosaco o día 8 de abril a compañía Redrum Producciones. Trátase dunha comedia que xira en torno ás entrevistas de traballo. Está protagonizada por Mónica García e Guillermo Carbajo e dirixida por Alex Sampayo.

 

O venres 15 de abril ofrécese Xamón, xamón da compañía Teatro dos Tirinautas. Esta comedia, dirixida a maiores de dez anos de idade, conta cun elenco de luxo encabezado polo humorista Isi, que interpreta a unha monxa que abandona a tranquilidade do convento para lanzarse á procura de novas experiencias.

 

O ciclo pecharase o 22 de abril con Bivalvos como galegos, de Os sete magníficos máis un, representada polos clowns Fran Rei e Pedro Brandariz. Esta comedia vai dirixida ao público familiar e está baseada na retranca, a crítica social desde o humor e a rutina levada ao exceso. Os diferentes escenarios do espectáculo son unha oficina de emprego, un quiosco e un restaurante de alta cociña.

 

Todas as pezas poranse en escena no auditorio do centro sociocultural de Paiosaco a partir das 21:00 horas, con entrada libre e gratuíta para todos os veciños que estean empadroados no municipio.

 

A “Primavera Teatral” de Paiosaco está afianzada como un dos grandes referentes na programación cultural que o Concello da Laracha desenvolve ao longo do ano.

 

 

Fonte-Concello de A Larcha