A escritora de Cee Rocío Leira publica a partir da próxima semana «Obituario», o poemario editado pola secretaría xeral de Política Lingüística e prologado polo crítico literario Ramón Nicolás. Ademais conta coas ilustracións de Héitor Picallo.

O poemario consta de 41 poemas, encabezado, cada un deles, polo nome dunha das vítimas de violencia de xénero do pasado 2015. Constrúese así unha homenaxe a todas esas mulleres, e dáselles voz «aquela voz que sen dúbida tiveron pero non conseguiron que chegase a nós, ou se cadra nós non soubemos oír» asegura a autora.

A obra resultou a gañadora do VI premio de Poesía Ardeiro do Concello de Negreira. O premio consiste na edición do poemario gañador xunto coa entrega de 150 exemplares. «Este premio supón un paso importante na miña carreira, pois vai ser o meu primeiro libro de poesía para adultos que ve a luz», aseguraba Rocío Leira o pasado mes de decembro cando se coñeceu o fallo.

O xurado estivo formado por José Antonio Ponte Far, Xulio López Valcárcel, María López Sandez e María Rey e destacou da obra a forza das imaxes poéticas, así como a mirada poliédrica sobre un tema tan actual como a violencia de xénero. «A obra está baseada nun conxunto de poemas, e cada poema sobre a morte dunha muller que cita nun primeiro momento xunto coa data en que foi asasinada», salientou José Antonio Ponte Far, presidente do xurado. A escritora tamén gañou o ano pasado o segundo premio da XXIX edición do Certame Rosalía de Castro de Cornellá, que dende hai case trinta anos convoca a comunidade galega de Cataluña.