O Concello de Mazaricos, a veciñanza da zona e representantes das comunidades de montes xuntáronse cun delegado da empresa Eurus Desarollos Renovables, promotora do parque eólico Ruña II. A primeira reunión con dita empresa foi hai dous meses e o Concello xa lle expuxo daquela as súas condicións. A empresa decidiu personarse para esta segunda reunión o día anterior a que rematase o prazo de alegacións.


Tras a xuntanza o alcalde, Juan José Blanco dixo mostrarse “moi molesto porque a empresa enviou a ameaza da expropiación á casa dos veciños e iso non é unha maneira de negociación, éo de coacción”. “A veciñanza sentiuse indefensa porque non teñen os medios legais nin económicos para afrontar isto” e engadiu que “por iso desde o Concello se habilitou inmediatamente unha partida para a súa defensa”. Ao fío disto quixo deixar claro que Eurus “obrigou a un Concello pequeno como o noso a desembolsar 20000€ e a estar permanentemente alerta” e exemplificou isto en que “decidiron reunirse con nós o día antes de que remate o prazo de alegacións, por fortuna nós xa as tiñamos presentadas”.


Nun principio dita empresa ofreceu 9000€ por cada eólico, algo que, desde o Concello xulgan como “un agravio comparativo en relación a outros convenios doutros concellos nos que a cantidade ascende a 15.000€”. Precisamente esa é a cantidade que, tras asesoramento técnico, solicita o Concello para a veciñanza. Blanco, pola súa banda considera que a oferta para Mazaricos é un “contrato penoso”


Segundo os técnicos “os eólicos van estar moi preto das casas, a 500 metros, a veciñanza vai escoitar o ruído e hai un especialmente controvertido que afecta á carballeira de Anllares, polo que a cantidade ofertada pola empresa é completamente insuficiente para reparar o prexuízo”.


O representante da empresa, tras manterse nos 9000€ afirmou, contra o final da xuntanza, que poderían subilo a 12000€. Para Blanco isto é unha “demostración de que a empresa pode asumir os 15000€ por eólico”.

Fonte- Nota de prensa do Concello de Mazaricos