Cando eu publicaba o meu primeiro artigo nesta nova sección que artellou o camarada Marcos Molk, xa presaxiaba que estaba a piques de explotar a caixa de Pandora do Partido Independente de Santa Comba. Non me equivoquei, o que sucede e que eu pensaba que tardaría uns días en xestarse a acción directa.

Miguel ceibaba nas ondas a primeira andanada de comentarios no que falaba de traicións, vía crucis e presuntas infidelidades por parte dun dos seus.

Non mencionaba a ninguén pero os dardos tiñan unha dirección en sentido único.

Nun destes venres informativamente tranquilos, chegaba o escrito de don Julio Ferreiro que se situaba detrás da "X", que debuxara Miguel coas súas verbas.

Él era o aludido. En tres folios situaba o líder "martirizado" no paredón dos infieis ó pacto tripartito. Ferreiro disparaba a queimarroupa contra o ata agora líder da segunda forza política xalleira. Para Ferreiro o
candidato Pérez Fernández buscaba o refuxo do Partido Popular, e incluso vaticinaba que Miguel ía a acabar apoiando ou absténdose nunha presunta moción de censura contra o socialista Ucha.

A polémica está servida, pero aquí non remata a historia. Falta a reacción de Miguel a este "jaque" do seu número dous. Non tardará a resposta. Ábrese a batalla polo poder neste partido. En case tódalas formacións políticas
sempre hai  crises e loitas intestinas, pero sempre se sabe quén queda e quén marcha. Sempre se sabe quén é o que manda. Cousas da Independencia.

  As dúas faccións aseguran que defenden o interese maioritario dos seus correlixionarios. Pero só un pode ter a razón. Asistimos a un pulso entre Pérez e Ferreiro. ¿Quén dominará finalmente o Partido Independente?. Ou tal
vez continuarán  no mesmo grupo municipal e cadaquén andará polo seu lado nunha especie de anarquía democrática. A ver que pasa.

Xosé Manuel Lema

xmlema@anosacosta.com