Image
Ofrecemos a segunda entrega do "Francotirador". A sección de opinión sobre o fútbol da costa de Xosé Manuel Lema, despois desta nova e emocionante xornada.

"Aínda non hai meta volante na Liga da Costa".

 

Aínda non chegou pero creo que tampouco está moi lonxe. Estamos agardando esa meta volante que defina un pouco máis a clasificación.O Ponteceso levantaba o pé do acelerador e permitía que unha parte do pelotón avanzase nesta carreira. O míster Javier Bardanca podería ser o típico supervisor do tren da Costa, que da os últimos avisos para que se suban os pasaxeiros da viaxe en primeira clase.

O Ponteceso subía a costa carnotana, onde agardaba o numantino Alfredo Cambeiro, disposto posiblemente a ser un dos xuices da Liga. Dalí traía un punto e ofrecía a que se recompuxera o pelotón. Ocasión que non foi aproveitada polo Porteño que rompía a súa racha positiva e cedía a medalla virtual de prata ó Castriz. Os de Pepucho perdían fronte ó Monte Louro. Os de Nieto levan tres victorias consecutivas. Dez puntos de doce posibles. Pola súa banda, Castriz, Sofán e Muros aproveitaron a xornada para arrimarse ó líder. O Corme tamén aproveitou para ubicarse na sexta posición. Os percebeiros están a sete puntos do Ponteceso. E a 9 xa o Camariñas, que volvía a perder no seu feudo, e o Carnota. E desínflase o Xallas que case está obrigado a gañar noutro derbi xalleiro fronte a un Santa Comba "B", o que parece estar destinado a sufrir para non descender. O Baio mira para baixo e tamén cerca das caldeiras do inferno do descenso está o San Lorenzo, que desta volta gañaba. Logo xa con problemas serios que poden estar facendo mella temos ó Fisterra, Santa Comba B, Malpica e Corcubión.

Image

E para a semana, non se perdan o espectáculo. Temos dous derbis municipais. Santa Comba "B" – Xallas e Ponteceso- Corme. En Santa Comba os de Luís Facal xóganse intentar sair do pozo, na mesma localidade , os rivais ,os de José Couso xogánse perder a comba dos primeiros e poder comenzar a xogar a outra cousa. E tamén teremos o derbi do concello de Ponteceso. O líder non pode fracasar na casa e o Corme chegará moi motivado. E para que a festa non decaia, o Castriz, a brigada deportiva de Esteban Blanco, recibe a un Fisterra en serios apuros, que chegará ó campo de San Pedro con fame. O terceiro en discordia, o Sofán, viaxa a Malpica para medirse a un clube que non está realizando un mal inicio de tempada. Senón reaccionan agora, os de Pedra Queimada poderán quedar K.O. E non terá menos interese o encontro entre Muros e Carnota. A ver cal dos dous lle pón o cascabel ó gato e se subirá ó tren do que falabamos ó principio. E non é por vender a Liga da Costa con ánimo de feirante,pero fíxense tamén este emparellamento. Un histórico Baio na zona baixa que recibe a un Monte Louro enrachado. Ademáis o Porteño enfrontontaráse na Grixa ó San Lorenzo que quere remontar vóo e o Camariñas visita ó colista Corcubión. A ver que pasa. Pero o tren está esperando. E creo que marchará pronto