Image
Artigo de Opinión de Xosé Manuel Lema sobre os orzamentos da Xunta e outros temas de actualidade.

Uns ven o vaso medio cheo. Para os outros está medio baleiro. Para o PP o reloxo da Costa da Morte estaba parado e o efecto Feijóo doulle corda, recuperando o espíritu do Plan Galicia. Para PSOE  e BNG, que comenzaron unha férrea oposición sen dar nin dez días de tregua, os compromisos que eles tiñan coa comarca quedaron difuminados coa derrota electoral do bipartito. Evidentemente é cada persona a quen ten que saber separar a espiña do peixe, e non serei eu o que insulte a intelixencia do lector. Pero hai varias cuestións que quero destacar.

A pesares do que digan os nosos dirixentes coas súas lecturas partidistas, nin os orzamentos do bipartito nin o actual do PP, son contas que teñen en conta un compromiso extraordinario para saldar o déficit histórico e a débeda ancestral que teñen connosco. Só basta con mirar as actuacións feitas nos últimos oito anos, así comparamos dúas lexislaturas de dous gobernos diferentes e logo analisamos o que temos para o 2010. Pode ser que recibamos a cota matemática que nos pertence. Non o sei. Pero todo o retraso que se acumulou co paso das décadas,  non se da saldado. E hai temas de actualidade que supuran. Que un Presidente da Xunta, coma o ex Pérez Touriño puxera primeiras pedras sendo consciente de que a empresa adxudicataria  da vía de alta capacidade, non ía a poder asumir a obra por problemas económicos é algo moi grave, que denota ata que punto os intereses políticos esconden os problemas os cidadáns, cando estamos preto dunhas eleccións.

E non importa os retrasos ou os efectos secundarios para a comarca.  Din que as eleccións, pérdeas quen goberna e con iso xa se di moito. Pero agora toca mirar para os que ven os vaso medio cheo, que nesta lexislatura é o Partido Popular. A autovía non pode acumular máis retrasos, pero evidentemente unha xestión non se mide por unha estrada, nin tampouco en catro anos se resolven tódolos problemas, pero aquí xa levamos moitos anos con moitos proxectos. As comunicacións de Santa Comba con Coristanco e Santiago de Compostela, teñen que ter pasos concretos nesta lexislatura, e aínda que os concellos do entorno parezan non amosar o necesario entusiasmo ten que ser a Xunta de Galicia quen mova ficha e ofreza solucións. No caso da vía de alta capacidade teño a impresión de que se está resolvendo a problemática con feitos.
Nas comunicacións da capital do Xallas con Coruña e Compostela, sígome reservando o meu razoable escepticismo,  que roza coa desconfianza, porque despois de tanta leria dos últimos anos aínda nin se acometeu a trasferencia das dúas vías antes citadas. Son moitas cousas que ten que resolver o goberno de Alberto Núñez Feijóo, en infraestructuras, promoción turística, emprego, sanidade, educación, etc… O que fagan será importante para Xallas, Bergantiños, Soneira e Fisterra, anque certamente, e polo visto nos últimos anos,  o listón tampouco está demasiado alto. Así que aínda que os orzamentos presentes seguen sen sacarnos unha complacencia rotunda. Polos menos que se executen os investimentos e xa pensen nun salto cuantitativo para o 2011.