“Confesións dun Traficante de Versos”

Por o 21 marzo, 2012

lemafisterra

Queremos celebrar o día mundial da Poesía.

Celebramos este Día Mundial da Poesía, reproducindo o limiar de “Cartafol de Néboas”  e un poema do libro.

 

Disque escribir un libro é coma parir un fillo. Entón este libro é un alumeamento despois de varios abortos. Pasaron moitas horas manchando folios e de lecturas variadas, antes de que se iniciara a singladura deste volume. Pero un tampouco se agobiou. Escribo por necesidade propia, coma o alimento imprescindible para sobrevivir, buscando eses momentos roubados a carreira dos días, para provocar o aquelarre interior, a cerimonia onde se acenden os versos coma velas, e se poñen a bailar a danza ancestral que me transforma.

 

Cecais non corran bós tempos para a lírica, pero isto é o efecto dun exercicio obrigado para o autor, unha experiencia que agora se atreve a compartir co público. Hai que sair a rúa, hai que recitar nas escolas versos de Pablo Neruda, García Lorca ou Octavio Paz. Os aspirantes a poetas (coma mín) e os poetas consagrados non debemos instalarnos en atalaias de cristal, en castelos creativos herméticos, obsesionados coa pureza artística.

 

Eu quero contaxiar a paixón pola poesía o adolescente que leva dentro sen darse de conta esa voz lírica (Oh, capitán , meu capitán). Que saiban que a poesía non é un boneca academicista, senón un ser rebelde, inconformista, vivo, excitante. Quero infectar con este virus o albanel ou o mariñeiro que sen saber recita versos en forma de canción. Declárome un traficante de versos, un ionki da palabra, que quere que te enganches no tren das metáforas.

 

Aquí tes o meu “Cartafol de Néboas”. Un libro que recolle esa reuma nebulosa que se queda apegada no alma, esa resaca de amor, da neneza, de persoeiros que me influiron, e de lembranzas diversas. Un caderno de bitácora con fotografías emocionais, visións empapadas en días de radio ou temas de rock and roll. A necesidade creativa xa quedou cuberta cando naceu “este fillo”. Agora sería un premio que che gustara, que sintas algo cando te sumerxas na lectura.

 

Son composicións feitas entre 2008 e 2010, entre a miña casa natal da Ponte do Porto e a miña residencia habitual de Santa Comba. A cabalo entre o río Grande e o Xallas. Versos que fluctuaron en mañáns profesionais de radio, cando entre noticias, entrevistas e cancións, supuraba algún verso e tiña que anota-lo no caderno negro. Ou en relaxados seráns mirando o mar da Costa da Morte (¡! Que nunca me falten as horas de observacións do mar!!). Tamén pesquei verbas na costa de Camariñas, Corme, Fisterra, Muxía ou Malpica. Capturas que no silencio da noite ía moldeando, con paciencia, coma fan os oleiros de Buño.

 

En definitiva, unha acción para poder seguir camiñando, unha droga irrenunciable, o medicamento para unha enfermidade da que me gustaría contaxiarvos a todos. ¡!A Poesía!!.

 

Xosé Manuel Lema Mouzo

En Twitter @xmlema

6_451990

“O DOCE SORRISO DA MIÑA NAI”

Miña nai criouse nun país que cheiraba a mortos,
a velorios silenciosos nos camiños,
con resaca de guerra e pan reseso,
cun diccionario acomplexado de sachos cansados,
paseando vacas anémicas polos campos,
das duras tardes recollendo argazo.
Miña nai naceu traballando,
e sentindo no alma o suor do avó,
que falaba da batalla do Ebro,
dos tanques de Teruel,
desa nación de pantanos e rosarios.
Os versos que o vello recitaba,
con sabor a dinamita e a piollos,
tatúado polos tempos da fame
de lobos ouveando, por un futuro
visiblemente escuro.
Ollando o ceo cuberto,
desde as fiestras do caldo probe,
do tabaco negro da desgracia.
Miña nai nunca quixo chorar diante dos fillos,
para evitar que as súas bágoas nos salpicaran,
e síntome inmenso cando pronuncio o seu nome,
agradecido por xurdir das súas entranas.
O seu doce sorriso, as súas mans flaxeladas,
son a brúxula que me orienta,
catapulta que me impulsa,
a continuar cos pés firmes no camiño.
Porque miña nai teceu o meu berce de soños,
e aprendín leccións de respeto e humildade,
cando se enfrontaba soa as pantasmas da vida,
cos seus pulmóns queimados no fogón dos días.

Este poema obtivo o primeiro premio do Certame Concello de Ordes 2009

Comentarios

Comentarios

Debes estar registrado para comentar Login