María Pose pide a mellora da estrada de Coristanco e outras actuacións para o concello de Santa Comba.

A alcaldesa de Santa Comba,María Pose, mantivo esta semana unha xuntanza co presidente da Deputación da Coruña,Valentín González Formoso,ao que lle trasladou distintas cuestións que afectan ao concello.

En primeiro lugar, María Pose, presentoulle un borrador cunha proposta do concello para a mellora da estrada DP 2904 entre Santa Comba e Coristanco.“Pensamos que esta arteria vital para os xalleiros necesita dunha mellora completa para poder contar cunha vía de comunicación acorde coas necesidades dos usuarios. Xunto coa estrada de Santiago é outra das reivindicacións históricas dos nosos veciños” declarou a rexedora. Nesta proposta o goberno local fai fincapé na eliminación das zonas de curvas de Ponte Abelleira e Hospital.

Pose tamén plantexou a necesidade de regular o tráfico no chamado cruce de Santa Catalina e lembrou os altos índices de siniestralidade e a proximidade de dous centros escolares e unha gardería.Outro dos asuntos polos que se interesou a alcaldesa de Santa Comba é o referido ao proxecto de senda peonil en Barbeira, na DP 5604.Xa había un proxecto presentado diante do organismo provincial que o concello estima que se debería de impulsar.

María Pose fai un balance positivo do encontro co presidente da Deputación, e agarda que tal é como fixo nestes días a Xunta coa estrada de Santiago, o goberno provincial poña a máxima vontade política para promover unha reforma integral da estrada DP 2904 , e que se dea resposta as outras peticións.

Neste caso encontrouse unha boa receptividade no presidente que se comprometeu a estudiar as distintas propostas plantexadas desde Santa Comba.Na xuntanza tamén participou o deputado de Promoción Económica e Emprego, Xosé Luis García.