O portavoz do Partido Popular no Concello de Carballo, Rubén Lorenzo, defenderá unha moción na que esixirá ao executivo local “que modifique parte do proxecto deseñado para o carril bici que percorre varias rúas céntricas do municipio”.

Aseguran que existe malestar entre a veciñanza e de visitantes xa que coas obras do carril-bici do Proxecto Ciclando eliminaronse decenas de prazas de aparcamento público e a supresión do carril de entrada ao centro ao seu paso pola rúa Vázquez de Parga.

Menos aparcamentos e máis retencións

“A nova infraestrutura está provocando grandes retencións en sentido de entrada á vila nas horas punta e, tamén, está impedindo que os vehículos de emerxencias teñan puntos de parada seguros no caso de que teñan que intervir nalgunha das rúas afectadas” explicou Lorenzo.

Denuncian a xeración “dun punto perigoso”no entronque da rúa Vázquez de Parga coa rúa Emilia Pardo Bazán polo excesivo estreitamento da vía nese punto e a forma en que os vehículos que queren continuar a marcha pola Vázquez de Parga teñen que maniobrar.

E tamén que “debido á instalación dos bordos para céspede, varios edificios do núcleo urbano (con e sen vao) quedaron sen entrada habilitada”.

O PP de Carballo pide que se modifique o proxecto

Os populares reclaman que se replanteen as entradas aos portais dos garaxes, modificando os bordos de céspede que impiden ou dificultan que os vehículos accedan aos mesmos dun xeito adecuado para os usuarios e seguro para peóns e ciclistas.

Ademais, na moción o PP pide que se modifique a actuación do proxecto ciclando no punto de entronque das rúas Vázquez de Parga e Emilia Pardo Bazán para garantir a seguridade dos vehículos, peóns e ciclistas. “É necesario que se devolvan, na medida do posible, o número máximo de prazas de aparcamento público eliminadas nas rúas de Carballo afectadas por este proxecto”, indicou Lorenzo quen concluíu demandando que se habiliten zonas seguras de parada para vehículos de emerxencia en distintos puntos das rúas Poñente, Fábrica, Vázquez de Parga e Avda de Razo.