Facemos un percorrido pola actualidade das bisbarras de Bergantiños, Xallas, e a Costa da Morte.

 

Alfonso Rueda en Dumbría 

 

O Vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda visitou o concello de Dumbría para inspeccionar a mellora dos accesos a fervenza do Ézaro, financiadas con fondos da Xunta, por importe de 185.000 euros. Estivo acompañado pola delegada da Xunta, Belén Do Campo, o alcalde José Manuel Pequeño e o portavoz do PP, Ramiro Iglesias. Alfonso Rueda aproveitou para insistir no novo mapa de emerxencias e no desmantelamento dos Grumir.

 

 

O PSOE pregunta pola autovía 

 

A deputada Marisol Soneira expresou, no programa “Na Encrucillada” de Radio Obradoiro(107.5FM) a súa preocupación pola paralización dos traballos da autovía da Costa da Morte. Soneira pediu a Xunta “que informe aos cidadáns da Costa da Morte sobre a situación real”. No mesmo programa tamén explicou as enmendas dos socialistas aos orzamentos autonómicos.

 

Ucha Velo denuncia o uso dunhas “cerchas”

 

O portavoz socialista xalleiro José Antonio Ucha denunciou unha presunta «apropiación indebida de las cerchas de las antiguas naves del mercado municipal» que segundo o PSOE está depositadas nunha finca do concelleiro de Obras Manuel Ferreiro. O alcalde, Antonio Landeira asegurou que o material estaba depositado alí temporalmente, xa que a intención do goberno popular e cubrir coas mesmas o polideportivo de O Busto, na parroquia de Santa Sabiña.

 

Convenio con Comarca de Soneira

 

O presidente da asociación de empresarios “Comarca de Soneira” agradeceu o apoio da Deputación provincial da Coruña que mediante unha aportación de 35.000 para o adecentamento da sede da entidade.Manuel Mourelle Amado considera “importante” esta axuda no 2013 que vaticina como moi duro para o tecido empresarial e para as asociacións .

 

Laxe xa ten orzamentos

 

Despois de seis anos coas contas prorrogadas o concello de Laxe ven de aprobar os seus orzamentos que ascenden a 1.984.137 euros . Votaron a favor das contas o goberno do PSOE e o BNG, mentres que Partido Popular e Independentes por Laxe optaron por absterse. O ornamento destina un 0,7% a investimentos reais.

 

Dependencias da Xunta no Fórum Carballo

 

O deputado autonómico Aurelio Núñez Centeno(PP)confirmou que a Xunta solicitará o traslado de varias oficinas que ten en Carballo ao Fórum, e que ocuparán un espazo de 900 m2. Núñez Centeno destacou que esta medida, en colaboración co concello de Carballo, permitirá a Xunta un aforro anual de 45.000 euros en alugueres e tamén permitirá dar contidos ao Fórum, polo dagora infrautilizado.

 

 

SEGUE A ACTUALIDADES DESTAS COMARCAS NO PROGRAMA «NA ENCRUCILLADA» QUE SE EMITE CADA

DÍA ENTRE AS  12,05 E AS 14,15H- NO 107.5 FM RADIO XALLAS-RADIO OBRADOIRO

 

 

RADIO XALLAS OBRADOIRO CONTACTO:  LIÑA DIRECTA 662330552 radioxallas@yahoo.es