Un accidente de tráfico, producido a pasada noite na localidade de Cabana de Bergantiños, deixou como resultado unha vítima mortal e dous feridos.Arredor das nove e media da noite, un particular chamou ao 112 Galicia para informar do alcance entre un coche e dúas motos no lugar de Rebordelo, na estrada de Canduas a Laxe. Na propia chamada, a persoa afirmaba que os implicados estaban feridos e que semellaban graves.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia alertaron aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Carballo, ao Ges de Ponteceso e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia – 061.

Unha vez xa no lugar dos feitos, os servizos sanitarios confirmaron ao 112 que había unha persoa falecida pola que, lamentablemente, nada se puido facer, e outras dúas feridas que foron trasladadas ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

Información-AXEGA 112