César Fernando Varela Novo é o novo concelleiro do Grupo municipal socialista despois de tomar posesión no pleno deste luns, en sustitución de María Torres.
Estes foron os acordos adoptados segundo informan desde o concello de Carballo.

-Determinación dos festivos locais para o ano 2022. Serán o 1 de marzo, Martes de Entroido, e o 25 de xuño, un dos días grandes das festas patronais. O 24 de xuño, día de San Xoán Bautista, será festivo autonómico o ano que vén. Aprobado por unanimidade.

-Aprobación inicial da modificación puntual do PXOM para a delimitación do núcleo rural da Ponte Rosende, por unanimidade.

-Aprobación provisional, tamén por unanimidade, da modificación puntual número 8 do PXOM, que permitirá a construción dun aparcamento para camións no polígono industrial de Bértoa. A modificación afecta a unha superficie de 4.684 metros cadrados, con capacidade para 42 vehículos.

-Aprobación inicial do regulamento do fondo social do persoal do Concello de Carballo. Votaron a favor todos os grupos agás Terra Galega, que se abstivo.

-Aprobación inicial da modificación da relación de postos de traballo (RPT) á vista da estrutura orgánica e das necesidades de distintos departamentos. Neste caso TeGa votou en contra, o PP abstívose e PSOE e BNG, a favor.

-Aprobación inicial da modificación do cadro de persoal do Concello de Carballo para o ano 2021 como consecuencia do proceso selectivo de 13 administrativos/as por promoción interna. O resultado da votación foi o mesmo que no punto anterior.

-Modificación do contrato administrativo de xestión do servizo da recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que pasa a ter un custe de 764.615,69 euros ao ano, o que supón unha minoración con respecto ás tarifas anteriores. Todos os grupos votaron a favor agás o PSOE, que se abstivo.

Mocións

-Moción do PSOE para a creación dun servizo municipal de urxencias sociais as 24 horas do día e os 365 días do ano. Foi rexeitada. Votaron en contra BNG e PP, argumentando que o servizo estase a prestar xa de facto. TeGa abstívose.
-Moción do PSOE para que as persoas con mobilidade reducida con tarxeta de aparcamento para prazas reservadas poidan aparcar na zona azul sen límite de tempo. O resultado da votación foi o mesmo que na moción anterior.

-Moción do PSOE para a instalación de lombos nos principais accesos a Carballo. O BNG introduciu unha emenda, que foi aceptada polo grupo socialista, para solicitar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña, como titulares das vías afectadas, que coloquen elementos que contribúan ao calmado do tráfico e á redución da velocidade meses treitos, adoptando a solución que o persoal técnico estime máis axeitada en cada caso. BNG e PSOE votaron a favor e os outros dous grupos abstivéronse.

-Moción do PP sobre a seguridade viaria no acceso á praia de Razo. O BNG tamén presentou una emeda, que foi aceptada polos populares, e todos os grupos agás TeGa, que se abstivo, votaron a favor do texto definitivo.

-Moción do PP sobre o programa Next Generation. Tamén neste punto o BNG presentou unha emenda, que non foi aceptada polos populares. Aínda así, votaron a favor todos
os grupos agás o PSOE, que se abstivo.

-Moción do PP en apoio do Xacobeo 21-22. Tras a supresión das alusións a Abel Caballero e Galiza Nova, a iniciativa foi aprobada por unanimidade.