Completada a mellora da estrada A Campara – Pazos

0
254

O deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, acompañados de concelleiros do goberno municipal, visitaron hoxe a estrada provincial DP- 6805 de Campara a Pazos, na que a Deputación da Coruña vén de investir máis de 600.000 euros en dúas fases para renovar o pavimento de 5,5 quilómetros de vial e mellorar a seguridade da circulación dunha estrada que rexistra un elevado volume de tráfico.

Segundo explicou Pequeño, a estrada contaba cunha superficie moi irregular, polo que se executou unha nova capa de regularización de espesor variable e dotouse dunha capa de mestura asfática en quente. Os traballos incluíron tamén a substitución das barreiras de seguridade metálicas existentes e a renovación da sinalización horizontal e vertical e pintado de novas marcas viais.

“Estamos no remate final dunha obra que mellora notablemente a seguridade nunha estrada con moito tráfico”, afirmou Pequeño, que subliñou que con esta última fase dos traballos cúmprese o compromiso adquirido co alcalde de Ponteceso.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso destacou “en dous anos, a Deputación investiu arredor de 600.000 euros no tramo da DP 6805 que vai da Campara a Pazos, unha estrada fundamental para conectar o acceso a Corme, a Brantuas, a Nemeño e incluso ás parroquias limítrofes de Malpica”.

“Vimos de ver todos os negocios que están funcionando en Pazos e dependen moito de que teñan un acceso en condicións”, apuntou o alcalde.

Un ano esperando por permisos da Xunta

Pequeño Castro e García Carballido abordaron tamén outros proxectos da Deputación no municipio, que están pendentes das autorizacións pertinentes de distintos departamentos da Xunta de Galicia como Augas de Galicia ou Medio Ambiente.

“Levamos un ano pendentes dos permisos para ponte de Xabarido sobre o río Anllóns, unha infraestrutura importante para Caba e Ponteceso”, afirmou Pequeño, que pediu “celeridade” nos trámites de administración autonómica.

O alcalde de Ponteceso lembrou tamén que o investimento de 400.000 euros previsto para os aparcamentos de Balarés está tamén pendente de autorizacións da Xunta polo que solicitou “colaboración institucional” para acometer canto antes estas obras.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí