Activada a alerta laranxa para este martes, cando aínda se fai balance da fin de semana..

 

 

“Muxía conmocionada, non damos crédito o que sucede, toca poñerse a traballar, a recuperar o recuperable…”.Esta era a reflexión do alcalde de Muxía, Félix Porto despois dunha nova fin de semana dura para o seu concello.

 

Primeiro foi o incendio do santuario da Virxe da Barca, e nesta ponte de Reis, o vento furioso levouse por diante o muro de pedra do santuario, e tamén afectou a outro dos símbolos galegos, a “Pedra de Abalar”. A fractura foi producida na mesma zona que se vira afectada fai anos.

 

O temporal tamén afectou neste concello, a un pantalán do clube náutico, a zona o Coído e provocou distintas incidencias en todo o termo municipal.

Outra zona especialmente castigada por un temporal, quen segue afectando a costa, foi Laxe, onde se afundiu o pesqueiro “María Cristina” e tamén varias gamelas, con motivo da forte ondaxe que rompeu o pantalán da zona portuaria.

 

Cun regueiro de incidencias espalladas pola costa e tamén polas zonas de interior do noso territorio, a meteoroloxía adversa persiste na Costa da Morte, e hai zonas onde se convive cunha certa preocupación, como no peirao de Camariñas, onde o temporal levouse unha parte do teito de uralita do antigo criadeiro de ameixa e berberecho, e que se encontra nunha situación perigosa.

 

As ondas, que chegaron a alcanzar os 11 metros de altura ofreceron unha imaxe que impresionou ata os profesionais do mar, xa que moitos deles aseguran que nunca virán o mar tan bravo e golpear con tanto asaño.

 
 
 
 
 
 
FOTOS extraídas do Facebook do alcalde de Muxía, Félix Porto