Críticas do portavoz Javier González a través da seguinte nota de prensa.

 

O portavoz do PSdeG-PSOE de Mazaricos, Javier Glez Trillo, ven de recriminar ao alcalde deste municipio coruñés, Juan José Blanco, que “este concello non gastase un euro en alumeado de Nadal”, a pesares que esta tradición, “respectada en case todos os concellos de Galicia”, ten un efecto positivo sobre o comercio local, ou alomenos así o considera o sector.

 

O socialista atribúe esta decisión ao alcalde, “moi pouco dado a crer que esta iluminación extra poida mellorar a escasa capacidade do comercio local para competir coas grandes áreas comerciais das cidades e vilas da contorna”. Sen embargo González Trillo afirma que o alumeado mediante luces led e a dispoñibilidade en caso necesario de electricista e vehículos para a instalación propiedade do concello, fai descartable “o argumento do aforro, porque sería un gasto perfectamente asumible”.

 

Considera que tampouco pode apelar o rexedor nacionalista de Mazaricos a unha “cuestión ideolóxica”, porque como di González Trillo, “ben que lle dou por armar o Belén ou financialo en parte”, en referencia ó Belén vivinte organizado por unha asociación local coa axuda do Concello.

 

 

«Deixar de pensar na propaganda e o autobombo»

 

 

Os socialistas de Mazaricos atribúen máis a decisión do alcalde de “non poñer nin unha vela para que o comercio se dinamice no Nadal” , como apunta o seu portavoz, porque, segundo González Trillo “este Goberno, e nomeadamente o seu alcalde, só se rexen pola máxima da propaganda ao seu favor”.

 

Reforza este argumento o socialista no feito de que “onde non lle doe o carto ao sr. alcalde é na confección de almanaques e outro merchandising para meter o seu discurso nas casas, aínda que para iso teña que empregar aos preescolares e escolares do municipios”. A idea é “respectable”, argumenta o portavoz do PSdeG de Mazaricos, pero “véselle o plumeiro ao alcalde con este tipo de accións”, repróchalle a Blanco, Javier González.

 

O PSdeG-PSOE insta ao rexedor a “deixar de pensar na propaganda e o autobombo” e abra axudas para o sector do comercio e a hostalaría dos núcleos principais do Concello, “aos que despacha cunha esmola para poder lavarse as mans cando lle protesten pola desertización das rúas da Picota e Mazaricos no tempo en que a xente máis gasta no comercio de proximidade”.