Ovidio Rodeiro entrega unha motobomba no concello de Santa Comba

 

 

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, entregou ao Concello de Santa Comba un camión motobomba a través dunha cesión gratuíta en réxime de propiedade para destinalo, prioritariamente, á realización de labores relacionadas coa prevención e a loita contra incendios forestais.

 

O vehículo, que foi recepcionado pola alcaldesa, María José Pose, é unha URO todoterreo con tracción permanente 4X4, que ten unha capacidade para 4.000 litros de auga, impulsados por unha bomba combinada Godiva. A motobomba tamén está dotada con todo o material necesario para o seu uso inmediato, como mangueiras, lanzas, racores e redutoras, así como unha emisora dixital Tetra.

 

O delegado territorial agradeceu á alcaldesa de Santa Comba “a implicación e o esforzo que fai o Concello de Santa Comba na loita contra os incendios forestais, xa que é un dos poucos municipios que conta con dúas brigadas propias financiadas pola Xunta, ás que agora se suma esta motobomba”. Ovidio Rodeiro tamén destacou que a administración autonómica e o concello colaboran no desbroce de 110 hectáreas de terreo como medida de prevención dos incendios.

 

Ademais dos medios municipais, en Santa Comba tamén conta de xullo a outubro no heliporto da Lomba co despregue dun helicóptero de extinción de incendios de tipo medio, biturbina, que conta cunha brigada helitransportada de dez persoas e está dotado dun helibalde para lanzamento de auga de ata 1.500 litros de capacidade.

 

Esta é a segunda motobomba que a Xunta de Galicia cede aos concellos na provincia da Coruña para a colaboración no dispositivo de loita contra os incendios forestais. No pasado mes de maio entregouse un vehículo similar a Mugardos despois de que a motobomba do GES desta localidade resltase calcinada nun incendio.