Ratifícase este venres no pleno da Deputación.

Este vindeiro venres, o pleno da Deputación coruñesa ratificará un investimento de 55.520 euros para o proxecto de mellora da piscina climatizada de Santa Comba, que ascende a 69.400 euros. O organismo provincial aporta o 80% mentres que o concello o 20% restante.

Segundo a Deputación, no vaso da piscina, os traballos incluirán a rehabilitación do revestimento interior que está en contacto coa auga, mediante a instalación dunha lámina sintética de PVC-P, armada con malla de poliéster e recuberta cun verniz protector.

Vaso da piscina e circuíto de auga quente

Nun comunicado de prensa indican que en todo o perímetro da piscina instalarase unha membrana antideslizante, co obxectivo de mellorar a seguridade e evitar posibles accidentes.Complementariamente, tamén se instalarán novos ancoraxes para as corcheiras, boquillas de aspiración e impulsión e de sumidoiros.

Con respecto ao circuíto de auga quente o proxecto contempla a instalación de tres acumuladores de auga quente de 1.000 litros de capacidade cada un e un intercambiador de placas de150kWde potencia. Asemade, tamén se renovarán tubaxes, bombas, equipos e sondas para adecuar a instalación.