CIG- Ensino pide que se cambie o nome do CEIP Barrie de la Maza de Santa Comba porque indican que fai referencia a unha persoa, Pedro Barrié de la Maza, que se significou «claramente coa represión da ditadura
e o apoio ao réxime franquista». Afirman que encontraron unha «xenial acollida»no equipo directivo do centro.

Esta é a nota difundida pola CIG

No Marco da campaña Nacional da CIG-Ensino en Compostela comezamos os trámites para cambiar o nome do CEIP Barrie de la Maza de Santa Comba.

A CIG-Ensino vén de poñer en marcha unha campaña para instar ás diferentes administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista.

Así as cousas, na comarca de Santiago temos detectado desde a CIG-Ensino que aínda existe un centro de primaria, o CEIP Barrié de La Maza, situado no Concello de Santa Comba que a día de hoxe non modificou a súa denominación para adaptala á lei vixente.

O sindicato trasladou no día de onte a solicitude ao Concello de Santa Comba, tanto á Alcaldía como a todos os grupos municipais con representación. Ademais, o sindicato realizou varias asembleas no centro con todo o claustro, a última aínda no día de onte, amosando este, e tamén o equipo directivo, ao que tamén nos diriximos, unha xenial acollida da proposta a partir da exposición e toma de conciencia de que significou para a pervivencia da dictadura franquista e a súa represión no noso país Pedro Barrié de la Maza.

Por último a CIG-Ensino tamén enviou unha carta dirixida á ANPA do centro, para que se implique directamente, dentro do Consello Escolar, na inmediata modificación desta anomalía democrática.
Desde a CIG-Ensino agardamos que se dea solución a esta anomalía e se renomee este
centro á máxima brevidade.