A responsable local do BNG en Vimianzo, Lorena Suárez, vén de rexistrar unha petición ao goberno para que asuma o arranxo da vía que enlaza Carnés coa comarcal A Coruña.

Segundo os nacionalistas «a vía atópase moi deteriorada no seu primeiro tramo até Santa Cristina, acusando o continuo tránsito de vehículos de gran tonelaxe debido á existencia dunha empresa de transportes e traballos agrícolas.

Por isto explican que «é preciso a mellora integral nese tramo, así como o reforzo de seguridade vial para advertir a viandantes e vehículos dese transporte pesado».

Con respecto ao segundo treito que une a capela da aldea de Santa Cristina até o mesmo Carnés, «a estrada presenta un mellor estado, sendo necesario igualmente unha profunda reparación nalgúns puntos».

O BNG reclama que o Concello está arranxando «algúns tramos que teñen máis visibilidade para o público e para saír na prensa mais aqueles tramos transitados que non teñen tanta visibilidade quedan no esquecemento».