
Con respecto a recente decisión da X.E.C. , Alfonso Rueda pregunta “a Marisol Soneira se tamén defende que os seus veciños de Camariñas, ou os de calquera outro concello galego, podan emitir o seu sufraxio sen someterse a identificación algunha no colexio electoral”. O dirixente popular afirma sentirse sorprendido pola “contundencia” de Marisol Soneira en oporse a decisión da Xunta Electoral.
“Cando o conxunto da sociedade galega e española clama por facer transparente e dotar de plenas garantías o voto emigrante, Marisol Soneira, seguindo fielmente o argumentario marcado por Touriño, defende unha involución democrática e pretende encher sacas de votos sen mecanismo algún que permita identificar aos remitentes”.
Así, para Rueda, Soneira está a traducir en palabras o xesto de Touriño ante a decisión da Xunta Electoral de clarificar lixeiramente o sistema de voto. Para o PPdeG, só un dirixente que “trama algo” pode mostrarse contrariado cunha decisión que arroxe algo de luz á forma de voto dos emigrantes galegos, e así se mostrou Touriño. "O problema é que os socialistas están máis cómodos canto máis opaco sexa o sistema de votación; ou mellor dito, esperan obter mellores resultados na emigración canto máis manipulable sexa o método de voto", engadiu o Secretario Xeral do PPdeG.

Rueda desconfía dunha posible falcatruada.
“As declaracións de Soneira, unidas ás súas permanentes viaxes e as doutros responsables socialistas ao outro lado do charco, revelan non só que o PSOE semella dispoñer de cartos sen límite para a súa campaña electoral, senón que poderían evidenciar que, se a Xunta Electoral non o remedia, se podería estar tramando algunha falcatruada de grandes proporcións co voto exterior”, afirmou Alfonso Rueda.
O procedemento acordado pola Xunta Electoral Central é semellante ao que tradicionalmente se ven utilizando para os residentes ausentes nas Eleccións Municipais, tamén denominado voto rogado, no que os emigrantes solicitan o voto a través dun escrito acompañado de fotocopia do DNI ou do pasaporte.
Por iso, os populares galegos non entenden que a voceira de emigración do PSOE insista en criticar estas garantías, “salvo que sexan a evidencia que confirme prácticas similares ás da trama de axentes electorais, como a do alcalde de Muxía, co que Soneira está directamente vinculada”.
