O pleno extraordinario do Concello de Coristanco deu luz verde hoxe á adhesión ao POS+adicional 2B/2026 da Deputación da Coruña, unha achega de 957.081 euros orientada a obras de saneamento e viarias no municipio. A proposta saíu adiante grazas ao apoio do Partido Popular, mentres que BNG e PSOE optaron pola abstención. Desde a oposición criticaron o horario de convocatoria do pleno (9 da mañá).
85% para obras e servizos
Do total do plan, o 85% vai destinado a obras e servizos, repartidos en cinco actuacións. Dúas delas veñen de arrastre do POS adicional 2/2026 —371.911,76 euros xa en fase de contratación— e afectan á rede de saneamento de Furoca e Feiranova, e á instalación de pluviais e firme do vial que une o Outeiro co Pedrouzo, en Xaviña.
As tres actuacións restantes, cun importe conxunto de 444.233,37 euros, inclúen a reforma do cruceiro de Oca cara ao desvío de Codesido, a reurbanización da praza consistorial e a renovación do firme en Traba, Seavia, Oca e Agualada.
«Un paso importante»
Á marxe destas obras, o acordo tamén habilita 140.935,95 euros de gasto corrente para actuacións de mantemento nos accesos aos núcleos de poboación e na rede de parques e zonas verdes do concello.
Na súa valoración, o rexedor local, Juan Carlos García Pose, afirmou que este POS Adicional «dará continuidade á mellora das infraestruturas do noso municipio e suporá un paso importante para levar a cabo obras e actuacións necesarias e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza».

