Rubén Lorenzo:“Carballo ten que ser o que nunca debeu deixar de ser. Un lugar con futuro»

0
385

O portavoz do Partido Popular en Carballo, Rubén Lorenzo, anunciou hoxe o súa intención de dar un paso á fronte e ser o candidato á alcaldía carballesa nas eleccións municipais que se celebrarán o próximo mes de maio.

Nun acto no que estivo apoiado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial, Diego Calvo, ou polo secretario xeral dos populares na Coruña, Evaristo Ben, Lorenzo apelou á “unión e ao traballo” como vía para conseguir que Carballo recupere a súa condición de cabeceira de comarca e “volva ser a locomotora que tira da Costa da Morte”.

Con este obxectivo, o popular reclamou a axuda de toda a familia popular para conseguir que “Carballo volva ser o que nunca debeu de deixar de ser. Un lugar con futuro, ao que a xente quere vir, unha referencia industrial da comarca e un sitio onde os veciños teñen todas as súas necesidades cubertas”, indicou.

Nesta liña, o candidato popular, que insistiu na necesidade de continuar traballando dura como ata agora, fixo fincapé en que o seu proxecto pretende acabar con ese mantra que “tingue calquera acción, e calquera inacción, calquera xustificación e calquera argumento: ese mantra de conmigo ou contra min que marca a maneira de facer política do BNG en Carballo”.

Pola súa banda, Diego Calvo, que aproveitou a súa intervención para facer un balance do compromiso que a Xunta de Galicia demostrou con Carballo e coa comarca a través duns orzamentos pensados para o progreso da contorna, agradeceu ao candidato popular o seu traballo durante os últimos meses en aras de lograr unha unión que cualificou de “fundamental” para que a súa formación volva ser a lista máis votada.

Ademais, incidiu en que o anuncio da candidatura de Rubén Lorenzo á alcaldía de Carballo é só o primeiro paso de todo o que queda por facer. “A partir de agora hai que formar un equipo, remar todos na mesma dirección, presentar propostas, manter o partido activo e vivo, escoitar aos veciños e estar na rúa”, apuntou.

Finalmente, Calvo lembrou os bos resultados que tradicionalmente logran os populares nas eleccións autonómicas, uns resultados que os populares deben aspirar a repetir nos comicios locais. “Temos que saír a por todas. Carballo é do Partido Popular e temos a obriga de convencer a todos os que nos votan noutros comicios de que o proxecto de Rubén Lorenzo é o mellor para poñer fin a unha etapa nacionalista que xa está caduca”, indicou o presidente popular.

Críticas ao Goberno Local do BNG

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, mostrouse moi crítica coa xestión do actual goberno nacionalista da cidade, e non dubidou en afirmar que “Carballo leva 20 anos lastrado por un goberno do BNG que é o mellor exemplo do ‘non’ sistemático a todo e da contradición constante que caracterizan aos nacionalistas galegos”.

Neste sentido, citou como exemplo o feito de que o BNG reivindique en Carballo o mesmo ao que logo vota en contra no Parlamento de Galicia: “Piden máis solo industrial pero votan en contra da Lei de áreas empresariais; piden máis médicos pero votan en contra da Lei que permitiu incrementar o número de especialistas en Atención Primaria; e piden melloras no saneamento e abastecemento pero votan en contra da Lei de mellora do ciclo integral da auga”.

Prado cualificou ao deputado Rubén Lorenzo como “a persoa idónea para construír e encabezar ese proxecto de todos e para todos que Carballo merece porque ten no benestar dos seus veciños a súa principal meta”.

Así, concluíu que “fronte a un alcalde esgotado, resignado e sen ambición”, os veciños de Carballo terán no Partido Popular de Rubén Lorenzo ao partido que “volverá situar ao concello como cabeceira da comarca de Bergantiños, deixará como parte do pasado os proxectos obsoletos e decadentes e volverá facer medrar un municipio fundamental na provincia e en Galicia”.

 

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí