
A X Poxa de xovencas de raza frisona celebrada en Santa Comba foi un auténtico éxito. Baixo a organización do concello xalleiro e de Africor Coruña, celebrouse unha subasta na que se contabilizou a venda de 23 xovencas cunha suma total de trasaccións que ascendeu a 62.100 euros. O público respondeu masivamente e todo saiu como estaba previsto.

Vendéronse 23 xovencas que alcanzaron un prezo medio de 2.700 euros. O movemento económico global foi de 62,100 euros. A frisona máis cotizada chegou ós 3.100 euros. Foi AMPU GOLDWYN 229, da gandeiría Pumae de Buxán do Val do Dubra. Os aficionados abarrotaron o recinto. Entre as autoridades figuraban o Xefe de servizo de producción animal, Gerardo Rivera, o alcalde de Santa Comba, Miguel Pérez Fernández, os tenientes de alcaldes xalleiros, Javier Facal, Jacobo Amarelle e José Pose e o de Mazaricos, Manuel Rodríguez, entre outros. Tamén estaba presente o concelleiro de Agricultura local, José Antelo "Maleiro".

A Poxa foi un éxito rotundo e absoluto. O Director técnico de Africor, José Moreira, dixo que a valoración era "moi positiva" dada a "situación convulsa coa baixada dos prezos do leite" e destacou a excelente afluencia e o apoio prestado polo concello de Santa Comba.O seu alcalde, Miguel Pérez, asegurou que desde o seu goberno seguiráse respaldando eventos deste tipo, "porque Santa Comba prosperou en gran parte polo esforzo dos seus gandeiros", destacou a importancia da producción láctea e afirmou que hai que preocuparse polo mundo rural, e neste senso, reclamou o apoio das administracións.

