A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes sacou a licitación, a construción e explotación da nova infraestrutura viaria da Costa da Morte no treito Carballo-Berdoias,Ábrese así o concurso para a construción e explotación, en réxime de concesión durante 30 anos, desta nova vía de alta capacidade, que terá características de corredor e que o Goberno galego prevé que estea en servizo no 2010.

 

O custe estimado de execución do corredor entre Carballo e Berdoias, que ten 42'4 quilómetros de lonxitude, é de 173'36 millóns de euros. Con todo, a concesionaria que resulte finalmente adxudicataria deberá desdobrar este corredor en autovía cando a intensidade do tráfico así o requira e, en todo caso, antes do 2018, actuación que suporá un investimento adicional de 51'2 millóns de euros. En total, para a materialización da infraestrutura o sistema concesional implica que a concesionaria deba asumir un investimento total de 249,5 millóns de euros, orzamento base co que a licitación sae publicada no DOG.

 O resto da infraestrutura, que acometerá a Xunta de Galicia na súa totalidade, comprende un primeiro treito de aproximadamente 8 quilómetros entre Berdoias e Cee, tamén con características de corredor e en fase de redacción do estudo informativo.

De Cee sairán dúas variantes: Cee-Brens, de 9 quilómetros e que ten sometido a supervisión o seu estudo informativo; e Cee-Sardiñeiro, treito de case 5 quilómetros e xa en fase de expropiación.