Nova directiva do club de pensionistas de Muxía

0
208

O Club de Pensionistas de Muxía conforma a súa nova directiva e cunha muller á cabeza por primeira vez na súa historia

O Club de Pensionistas de Muxía conformou a súa nova directiva e cunha muller á cabeza por primeira vez na súa historia. Trátase da muxiana María José Roa Barrientos, que presidirá o órgano de dirección máis multitudinario da vida desta formación, conformada ademais por:

• José Ramón Pérez Cuiñas “Chicholo”, vicepresidente.
• Ramón Pérez Barrientos, secretario.
• Alejandro Lema Gómez, tesoreiro.
• José Moreira Lema, vogal.
• José Haz Vilela, vogal.
• Mari Carme Lema Vázquez, vogal.
• Rita Toba Liñeiro, vogal.
• Mercedes Valiña Pérez, vogal.

Roa Barrientos, asume o cargo e a dirección do club porque considera “vital para un municipio envellecido, ter un lugar de encontro das características que ten esta asociación”, e plantéxase como reto principal a activación e relanzamento dunha institución de prestixio e histórica no municipio logo de ver pasar a crise da pandemia da COVID-19 que o paralizou absolutamente todo.

Polo tanto, para esa tarefa contará con un equipo, o máis multitudinario que se recorda e que conta coa aprobación de socios e socias. “Un equipo que traballará conxuntamente para sacar adiante esta nova etapa”, asume.

As primeiras palabras da nova presidenta foron dirixidas ao seu predecesor, José, agradecendo o traballo durante os últimos anos, incluso o da conservación do club durante a época pandémica. Agradeceu o seu esforzo e dedicación ademais anunciando que se fará un acto para despedir a súa etapa como presidente e gañarse o cariño dos socios.

Tanto socios como nova directiva, estiveron acompañados polo alcalde, Iago Toba durante toda a xornada. Transmitiu durante a súa intervención o seu cariño e agradecemento ao presidente saínte e desexoulles moita sorte aos novos integrantes, dos que ten o mellor dos conceptos de cada un deles: “confío e estou seguro de que farán un traballo magnífico, porque lles vexo ganas e ilusión. Poden contar por suposto, coa miña axuda e a do meu goberno sempre que o necesiten. A súa labor cara a sociedade muxiá é importantísima e por tanto terannos como uns máis desa directiva”, afirmou Toba.

Despois da asemblea e da comida, todos os socios alí presentes desfrutaron dun baile para amenizar a tarde de choiva.

Fonte -Concello de Muxía

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí