O novo tramo da AG-55 en Vimianzo terá tres viadutos e dous enlaces

0
169

A Xunta de Galicia iniciou este venres as obras de prolongación da autovía da Costa da Morte (AG-55) cun novo tramo de 5,8 quilómetros que enlazará Santa Irena coa estrada autonómica AC-532, unha actuación que se executará integramente no municipio de Vimianzo e que contará cun investimento de 36 millóns de euros. O prazo previsto para a execución dos traballos é de 36 meses.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou o inicio das obras acompañada da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, así como de representantes municipais e deputados autonómicos.

Nesta primeira fase, os traballos céntranse no desbroce dos terreos, os movementos de terra necesarios para definir o trazado e a realización de estudos xeotécnicos que permitirán coñecer as características do subsolo antes do inicio das estruturas principais.

O proxecto inclúe a construción de tres viadutos, dous deles sobre o río Grande e un terceiro, de arredor de 250 metros de lonxitude, sobre o río Vimianzo. Estas estruturas absorberán aproximadamente a metade do investimento previsto. Ademais, a nova infraestrutura contará con dous enlaces, con reserva para un terceiro no futuro, seis pasos superiores, tres inferiores e varias obras de drenaxe para garantir a integración da vía e a continuidade dos camiños existentes.

Segundo indicou a Xunta durante a visita, a prolongación da AG-55 busca mellorar a conexión viaria da Costa da Morte, reducir os tempos de desprazamento e incrementar a seguridade na rede de estradas da comarca.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí