A Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os concellos de Cee e Corcubión asinaron o convenio de colaboración para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), unha infraestrutura orzada en 13,9 millóns de euros que permitirá mellorar o sistema de saneamento dos dous municipios e a calidade ambiental da ría de Corcubión.
O acordo foi subscrito pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, e o alcalde de Corcubión, Francisco Xabier Domínguez.
A futura depuradora situarase no porto de Brens, fronte á actual instalación, o que permitirá manter o servizo durante toda a execución das obras. A nova EDAR dará cobertura a unha poboación superior ás 16.400 persoas e contará cunha maior capacidade de tratamento para responder ás necesidades actuais e futuras.

O proxecto inclúe tamén a construción dun novo bombeo, unha condución de vertido ao mar e un sistema completo para o tratamento das augas residuais e dos lodos xerados no proceso.
Segundo o convenio, Augas de Galicia asumirá a contratación das obras e a maior parte do financiamento. A Deputación da Coruña achegará 1,4 millóns de euros, mentres que os concellos de Cee e Corcubión asumirán a parte restante da achega local. A actuación contará tamén con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A previsión é licitar as obras antes de rematar este ano. O prazo de execución será de 24 meses, aos que se sumará un período de doce meses para a posta en funcionamento das instalacións.

