A Laracha prepara os novos contratos de recollida de residuos e xestión do punto limpo con máis servizos
O Concello da Laracha licitará nas próximas semanas os novos contratos para a recollida de residuos sólidos urbanos e a xestión do punto limpo. Os servizos reuniranse nun único procedemento dividido en dous lotes e incorporarán diferentes melloras orientadas a ampliar a cobertura, reforzar a reciclaxe e adaptar a prestación ás necesidades actuais do municipio.
Entre as principais novidades figura o incremento da frecuencia da recollida da fracción resto durante o verán nos núcleos urbanos da Laracha, Paiosaco e Caión. Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro o servizo prestarase tamén os domingos, polo que haberá recollida todos os días da semana durante ese período.
O novo contrato tamén prevé ampliar a recollida selectiva no rural coa instalación de contedores amarelos para envases en todos os 311 núcleos de poboación do municipio. Ademais, incrementarase o número de colectores para papel e cartón, vidro e fracción resto, ao tempo que se reforzará a limpeza destes recipientes.

En relación co punto limpo, as novas condicións adaptaranse á recente ampliación das instalacións e permitirán aumentar a cantidade máxima de residuos que poderá depositar cada usuario. Tamén se incorporarán de forma regulada servizos xa existentes, como a recepción de pequenos restos vexetais de particulares e de plásticos de silo procedentes de explotacións non profesionais.
Outra das actuacións previstas afectará á recollida domiciliaria de residuos voluminosos. O Concello reorganizará o funcionamento deste servizo co obxectivo de reducir os prazos de espera e ofrecer unha resposta máis rápida ás solicitudes da veciñanza. Tamén anuncia que reforzará os controis para evitar o depósito incorrecto de residuos e aplicará as sancións previstas pola normativa nos casos de incumprimento.

